Inauguramos a Praza Emilia Pardo Bazán

Hoxe é un día moi especial para nós. E é que demos un pasiño máis no noso afán por poñer en valor a figura de Emilia Pardo Bazán, autora coruñesa que bautizou a cidade da Coruña como Marineda e á que, por tanto, debemos o noso nome.

Neste sentido, e no marco do noso acordo coa Casa-Museo Emilia Pardo Bazán para divulgar a figura e a obra da escritora, inauguramos a Praza Emilia Pardo Bazán. Este espazo, situado na planta baixa do interior do centro, quere converterse con esta nova denominación nunha homenaxe á escritora, ademais de albergar permanentemente anacos dos seus textos.

Neste acto, no que participou a xerente de Marineda City, Ana López, presentamos o libro Mujeres al borde de un ataque de cuentos, unha escolma de oito contos de Pardo Bazán sobre mulleres. E, para dotar de vida a estes personaxes, oito intérpretes representaron ás protagonistas dos relatos.

Como xa vos adiantábamos no comezo, esta iniciativa súmase ás que no transcurso dos anos vimos dedicando á intelectual coruñesa, con cuxos valores sentímonos plenamente identificados, como as dúas veladas homenaxe celebradas na que fora a súa casa na Rúa Tabernas ou a creación do premio literario “Iconografías sobre Marineda”.