Dous mozos recollen historias de amor para plasmalas nun libro

18 de Abril de 2016

“Escoito historias de amor gratis” Unha fotografía onde se vía un home cun cartel con esa lenda foi o xerme de “Do teu corazón ao meu libro”, un proxecto que recompila amores e desamores anónimos para despois plasmalos nun libro. “Foi ver esa imaxe e quedar absorto. Que gran idea!, pensei”, conta Pablo Piñeiro, o artífice desta iniciativa que estará o 23 de abril en Marineda City para recoller novos relatos de amor xunto ao seu compañeiro Hugo Sanmartín.

Armados con grabadora, lápis, papel e sobre todo uns oídos dispostos a escoitar a todo aquel que queira compartir a súa historia, Hugo e Pablo percorreron Galicia reunindo as narracións de decenas de persoas anónimas: “A xente transmíteche o que viviu, choran, tremen, lévannos da man pola súa experiencia; é moi emocionante. É moi especial que alguén se abra e comparta contigo as súas vivencias máis importantes”.

Con este proxecto, pretenden dar ao amor o espazo que merece na sociedade actual: “Dáme moita rabia que teñamos tabús con respecto ao amor, que non falemos de sentimentos con naturalidade, que nos custe tanto dicir quérote”.

A acolleita, conta Pablo, non podía ser mellor: “Nin de lonxe esperabamos que tivese esta repercusión, recibimos unha chea de mensaxes de persoas que se emocionan coas nosas historias; é impresionante. Xamais fixera algo tan bonito”, conta Pablo, que destaca que lle chegaron historias de amor desde Suiza, Sudamérica, Barcelona ou Sevilla. E é que ademais da recopilación que fan en vivo e en directo, as persoas que queiran abrír o seu corazón tamén poden facelo a través da súa páxina de Facebook ou do correo electrónico detucorazonamilibro@gmail.com.

O sábado 23 Pablo e Hugo estarán en Marineda City para seguir reunindo material para o seu libro que, esperan, estará listo antes de que finalice o ano. Anímaste a lles contar a túa historia?