Cinco disfraces de cine para triunfar no Entroido

Necesitas ideas para o Entroido? Propoñémosche cinco disfraces inspirados en pelis de plena actualidade!

  • Star Wars. Luke Skywalker, a princesa Leia, R2D2, soldados imperiais, Darth Vader… A saga de Star Wars está chea de personaxes míticas nas que podes converterte este Entroido. Así que xa sabes: faite co teu sabre láser e que a forza te acompañe.
  • Os vingadores. Iron Man, Capitán América, Thor, O incrible Hulk e Ollo de Falcón son os protagonistas dunha das últimas entregas cinematográficas do universo Marvel: Os vingadores: a era de Ultrón, estreada en 2015. Todo un mundo de superheroes que emular. Ideal para ir en cuadrilla!
  • Os xogos da fame. Algúns dos traxes de Katniss Everdeen, a heroína da saga literaria e cinematográfica Os xogos da fame, farían palidecer de envexa mesmo á Raíña do Entroido. Atréveste con ela?
  • Os Minions. Estes simpáticos axudantes de vilán, amantes da froita e de lingua incomprensible, son xa todo un clásico. Tea amarela, un peto vaqueiro, luvas negras e os seus característicos lentes é todo o que necesitas para emular a Bob, Stuart ou Kevin.
  • Regreso ao futuro. En 2015 unha das triloxías máis míticas do cine dos 80 volveu estar de plena actualidade por dous motivos: pasaron 30 anos da súa estrea e o 21 de outubro de 2015 é o futuro ao que viaxa o Delorean en Regreso ao futuro II. Razóns máis que de sobra para renderlles unha merecida homenaxe a Marty e Doc.