Cinco libros para celebrar as Letras Galegas

11 de Maio de 2020

Co día grande das Letras Galegas ao virar a esquina, é o momento de visitar algunhas das novelas galegas que máis éxito de vendas tiveron no último ano. A listaxe que propoñemos fará as delicias dos amantes da novela negra e as lecturas esixentes: un thriller psicolóxico onde nada é o que parece; unha imprevisible e perturbadora trama de suspense; a nova entrega do inspector Leo Caldas; unha provocadora novela que nos enfronta ante o noso espello como sociedade e individuos; e a obra gañadora do premio García Barros 2019 e mellor novela galega do ano 2019 pola revista Fervenzas literarias. Felices Letras Galegas!

Infamia. Ledicia Costas. Xerais, 2019. Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Con este thriller psicolóxico onde nada é o que parece, Ledicia Costas estréase na novela cunha historia de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana.

Un lume azul. Pedro Feijoo. Xerais, 2019. Esta novela é a historia dos corpos sen vida. Unha trama de suspense que nos arrastra ata posuírnos, da que é preferible non saber nada previamente. Dura, por veces mesmo violenta, pero tamén emotiva e, sobre todo, imprevisible, Un lume azul é unha apaixonante e intensa novela de Pedro Feijoo, escrita con ese arrebato ao que nos ten afeitos.

O último barco. Domingo Villar. Galaxia, 2019. A filla do doutor Andrade vive nunha casa pintada de azul, nun lugar onde as praias de ondas mansas contrastan co bulir da outra beira. Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla. O último barco tráenos un novo caso de Leo Caldas, o inspector de policía de Vigo que seduciu a tantos lectores nas dúas entregas anteriores: Ollos de auga e A praia dos afogados.

O libro da filla. Inma López Silva. Galaxia, 2020. Helena Sánchez é unha prestixiosa xornalista que acepta investigar o caso dun condenado por agresión sexual á súa filla que sostén ser vítima dun complot. A investigación xornalística é, en realidade, o punto de partida para afondar nas vidas e relacións de dúas familias marcadas non só polas particulares trastendas do amor, senón tamén pola irrupción do totalitarismo e a extrema dereita do mesmo xeito calado e sutil en que se introduce na sociedade e na política do noso tempo. Unha historia directa, dura, impactante, que reflexiona sobre moitos aspectos polémicos da sociedade actual.

Carrusel. Berta Dávila. Galaxia, 2019. Unha escritora que atravesa unha crise creativa decide elaborar un relato do seu percurso vital coa intención de encontrarlle sentido a un pasado difícil, marcado pola doenza mental que padece. Enfrontar as propias pantasmas nun libro lévaa a mergullarse no pouso íntimo das vivencias que o tempo deixou atrás e nas afinidades ignotas e inusitadas que elaboran as lembranzas da súa historia familiar e persoal. A nova obra da santiaguesa Berta Dávila, un relato curto escrito en primeira persoa, foi merecedora do premio García Barros 2019 e nomeada como mellor novela do mesmo ano pola revista Fervenzas literarias.