Escoitar e emocionar, as claves para conquistar ao cliente

23 de Maio de 2019

Emocionar e escoitar ao cliente. Estas foron algunhas das claves que se puxeron de relevo en “Emoción. I Xornada Experiencia de Cliente en Retail”, organizada por Marineda City e a Asociación para o Desenvolvemento da Experiencia de Cliente onte en CINESA. Nela, os asistentes puideron coñecer de primeira man casos de éxito de empresas de recoñecido prestixio nacional e internacional como IKEA, Vodafone, Kiabi, NH Hoteles, Abanca, Eroski ou EDP, entre outras. Así mesmo, os expertos falaron sobre a experiencia do cliente desde o punto de vista da marca e debateron sobre como deseñar os establecementos para emocionar ao consumidor.

A xornada enmarcouse no programa We are Merlin, a través do cal Marineda City e Merlin Properties promoven iniciativas e foros de encontro nos que compartir coñecemento e contidos de interese tanto para os sectores da súa contorna como para o público en xeral. Nesta liña, o centro comercial xa organizou dúas edicións da Xornada de Arquitectura Retail, nas que se debateu sobre as novas tendencias en deseño e interiorismo.

Nas súas intervencións, os expertos coincidiron na importancia de poñer no centro da estratexia ás persoas e de escoitar ao consumidor, a través de canles como as redes sociais; así como de fomentar a experiencia sensorial no punto de venda para emocionar ao visitante. E é que, segundo resumiu Pablo Antón, socio director de Ancor Retail: “O que os clientes necesitan é que se lles queira”

Durante o encontro, celebrouse tamén unha mesa redonda moderada por Bruno Mata, CEO de Likeik, CX Tools & People. Nela Ana López, xerente de Marineda City, destacou o sistema de marketing intelligence co que conta o centro e que permite coñecer o comportamento do cliente e dirixirse a el de xeito personalizado. “Pero máis aló das ferramentas tecnolóxicas, en Marineda gústanos coidar os momentos emocionais como, por exemplo, deixar unha mensaxe amable nos espellos dos baños, e tratar de dar resposta ás demandas que os usuarios fan a través de canles tan valiosas como as redes sociais”.