Literatura, música e petiscos en homenaxe a Emilia Pardo Bazán

10 de Outubro de 2017

O espírito dos encontros literarios que ela mesma organizaba na súa casa da rúa Tabernas da Coruña a finais do século XIX marcou a primeira velada de homenaxe a Emilia Pardo Bazán, celebrada entre as mesmas paredes o pasado venres, 29 de setembro. A Real Academia Galega, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e Marineda City, o centro comercial que leva o nome literario que a escritora lle deu á cidade da Coruña, quixeron celebrar o 166 aniversario do nacemento da autora cunha reinterpretación desde o século XXI daqueles seráns marcados pola literatura e a música. Varias mulleres do mundo das letras e as artes escénicas deron lectura a textos da homenaxeada e as integrantes de De Vacas puxeron a nota musical estreando unha canción dedicada á autora. Tampouco faltou a gastronomía, da man do cociñeiro Iván Domínguez, que elaborou petiscos inspirados no receitario de dona Emilia.

O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, e Ana López, xerente do espazo comercial patrocinador da velada, foron os encargados de darlles a benvida aos convidados e convidadas, unha representación da vida cultural, empresarial e política da cidade e do país limitada en número polas esixencias de conservación do espazo museístico ubicado no edificio brasonado do século XVIII que foi residencia de Emilia Pardo Bazán. A escritora medrou nesta casa nun ambiente liberal e culto, rodeada de libros, e nela tamén viviu de adulta cando organizaba faladoiros literarios e actos sociais aos que acudían figuras destacadas da intelectualidade da época.

Víctor F. Freixanes salientou que a Academia estará “sempre agradecida á familia e á memoria de Emilia Pardo Bazán” pola doazón da súa casa como sede da institución e que, ao mesmo tempo, a RAG “recoñece publicamente a significación da autora de La Tribuna e o seu compromiso con Galicia, moi especialmente coa cidade da Coruña (Marineda), materializado nunha obra extensa, intensa e universal”. O presidente da RAG referiuse tamén ao convenio asinado o pasado 7 de setembro con Marineda City, ao abeiro do cal o centro comercial patrocina esta velada e outras accións de difusión da vida e da obra de dona Emilia, e se compromete a avanzar na galeguización das súas actividades e instalacións. “O acordo con Marineda City inicia un camiño de colaboración entre a sociedade civil e as institucións culturais que debemos estimular e que agradecemos tamén, polo que ten de sensibilidade a prol da lingua e a cultura de Galicia. Esta lingua e esta cultura esixen o compromiso do conxunto da sociedade, non duns poucos escollidos”, concluíu.

Un momento da intervención de Ana López, xerente de Marineda City, rodeada do presidente da RAG e director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Víctor F. Freixanes, e a directora-conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso

Ana López, xerente de Marineda City, puxo de manifesto o especial vínculo que o centro comercial ten coa figura de Emilia Pardo Bazán, xa que a súa denominación está inspirada na cidade imaxinada pola autora. “Desde o primeiro momento pareceume unha idea excelente establecer un acordo de colaboración coa Real Academia Galega e a Casa-Museo que permitise difundir a figura e a obra da escritora e que hoxe, con esta velada de homenaxe e os premios que patrocinamos, dá os seus primeiros froitos. Está iniciativa é un paso máis na reafirmación do centro comercial como impulsor da vida cultural da Comunidade e reforza a aposta de Marineda City por Galicia”, explicou Ana López. O I concurso de relato breve Marineda: a cidade inventada por Emilia Pardo Bazán concederá dous premios para textos, de ata 4.000 caracteres, en galego e en castelán inspirados directamente na cidade da Coruña. Cada un deles estará dotado con 1.000 euros. A RAG, a Casa-Museo e Marineda City convocan tamén outro galardón de fotografía co mesmo nome e igual dotación.

Unha canción de aire francés para Emilia e receitas revisitadas

Tras as palabras de benvida de Víctor F. Freixanes e Ana López, directora-conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso, deu paso á primeira actuación de De Vacas, coñecidas polas súas versións de grandes temas “venerados polas masas e maltratados pola historia”. O cuarteto estreou unha versión especial para a ocasión na que, co seu habitual desenfado e humor, fai seu “A Vannes”, composto por Michel Jonasz e popularizado nos anos 70 por François Hardy. A letra réndelle homenaxe a Emilia Pardo Bazán dándolle voz para se retratar en cada verso a si mesma: muller, culta, políglota, independente e avanzada ao seu tempo, como quedou demostrado tamén nos fragmentos da súa obra lidos nesta celebración, conducida pola académica Fina Casalderrey.

Fina Casalderrey participou tamén na parte literaria xunto á escritora Estíbaliz Espinosa; a académica de número Marilar Aleixandre, a académica correspondente Olivia González, Xan Arias, da editorial Trifolium, e Xulia Santiso, directora-conservadora da Casa-Museo. Estíbaliz Espinosa escolleu varios fragmentos de La Tribuna sobre Marineda e a súa protagonista, Amparo e detívose tamén nas liñas de La piedra angular (1891) nas que define a beleza da Coruña e da súa propia casa da rúa Tabernas; Marilar Aleixandre afondou nos seus primeiros artigos en prensa sobre divulgación científica; Fina Casalderrey recordou o coñecemento e respecto polo traballo de Rosalía de Castro, e tamén a devoción pola paisaxe e a arte galegas, que amosou en De mi tierra (1888), obra escollida tamén por Olivia Rodríguez; mentres que Xulia Santiso e Xan Arias dramatizaron un par de fragmentos de Doña Milagros (1894).

A velada avanzou entre as lecturas, a música e os petiscos preparados, e presentados, por Iván Domínguez, do restaurante coruñés Alborada, distinguido cunha estrela Michelin. O cociñeiro foi o encargado de facer unha reinterpretación das receitas da escritora recollidas en La cocina española antigua e La cocina española moderna, das que seleccionou pratos como o caldo substancioso, as papas de millo etc. En definitiva, “unha volta á cociña antiga desde unha visión actual”, trasladando as receitas da autora a bocados.