Marineda Fest: música, gastronomía e solidariedade

Boa música, mellor compañía, unha cervexa ben fría e algo que comer. Ocórresevos un plan mellor para pasar unha tarde de verán? Os festivais convertéronse nun imprescindible do estío galego e este ano queremos colarnos na axenda festivaleira cun line up indispensable para os amantes do indie: Iván Ferreiro e Xoel López, dúas das voces máis queridas do panorama nacional, son os cabezas de cartel da primeira edición de Marineda Fest, un festival gratuíto e solidario que se celebrará o 11 de xullo na nosa praza exterior. Pola súa banda, o artista coruñés Pardo será o encargado de abrir a noite cun repertorio que transita entre o rock and roll, o blues, o jazz e a música latina.

O Marineda Fest nace coa vocación de vos traer a mellor música, pero tamén como unha cita para gozar entre amigos ou en familia do verán coruñés: así, a nosa praza exterior converterase no mellor escenario festivaleiro con barras e food trucks (do 11 ao 13 de xullo) nos que vos poderedes avituallar e coller forzas entre concerto en concerto.

Xoel López

O noso coruñés máis ilustre gañou a pulso un lugar destacado na escena independente do noso país. Aínda que sempre se moveu entre o pop-rock alternativo e o folk clásico, defínese como un artista libre. En 2017 editou “Sueños y pan”, 3º traballo en solitario e 14º da súa traxectoria.

Iván Ferreiro

Considerado un dos máximos expoñentes do indie nacional, o que durante 13 anos fose líder dos Piratas, iniciou en 2005 a súa carreira como solista, faceta na que logrou forxar un público fiel ao seu versátil son. O seu último traballo, que viu a luz en 2018, “Cena recalentada”, é unha homenaxe a Golpes Bajos.

Pardo

O cantante e compositor coruñés acaba de lanzar “Santa Cruz”, a súa quinta entrega discográfica en solitario, cuxos temas camiñan entre o country e o blues.

Unha cita solidaria

O Marineda Fest ten, ademais, unha finalidade solidaria: e é que, durante o concerto, os voluntarios da Fundación Meniños estarán en Marineda co fin de recadar fondos para esta entidade de acción social sen ánimo de lucro especializada na protección da infancia e a adolescencia.

Plans tamén para os máis pequenos

Marineda Fest é un festival para toda a familia: por iso, programamos actividades para os máis pequenos, como a charla do periodista musical Javier Becerra, que lles achegará á historia do pop da forma máis divertida e amena a través do seu libro “Esto es pop”. E da man do Festival Infantil Deleite, a música volverá a sonar o venres 12 e o sábado 13 cos grupos máis chulos da escena infantil.

Non perdas detalle

Tanto nas nosas redes sociais como a través da nosa app móbil irémosvos contando todos os detalles deste festival, así como de todas as actividades que preparamos para o verán e que vos desvelaremos moi pronto. Se aínda non nos segues, podes facelo en Facebook, Instagram e Twitter e descargar a nosa app para iOS ou Android.

Vémonos o 11 de xullo!