Premios e moita ilusión na gran festa do deportivismo

11 de Setembro de 2019

Un ano máis, o Real Club Deportivo elixiu Marineda City para a presentación oficial da tempada 2019/2020. O pasado 3 de setembro, a Praza Emilia Pardo Bazán vestiu de gala para recibir aos novos fichaxes  do RC Deportivo e o Deportivo Abanca.

Por parte do equipo masculino, Koke Vegas, Luis Ruiz, Beto da Silva, Borja Galán, Salva Ruiz, Ager Aketxe, Peru Nolaskoain, Mamadou Koné, Saša Jovanović, Javi Montero, Vasileios Lampropoulos e Samuele Longo foron os encargados de saír á pasarela para presentar as novas equipacións da colección Macron 2019/2020, á venda na Deportenda de Marineda City. Tampouco faltaron á cita As Nosas, que tan só uns días antes do seu histórico debut na Primeira Iberdrola, recibiron un gran aplauso por parte dos asistentes: así, Noelia Villegas, Athenea del Castillo, Esther Sullastres e Misa, do Deportivo Abanca, luciron as cores do conxunto feminino.

Nesta gran festa de Deportivismo non podían faltar os premios: cada un dos xogadores e xogadoras lanzou balóns ao público. Moitos dos afortunados que lograron facerse cun dos esféricos descubriron con alegría que o premio era dobre, xa que contiñan abonos e camisetas.

Unha choiva de confeti pechou o evento, tras o cal os novos deportivistas non dubidaron en asinar autógrafos e fotografarse coa afección, que os recibiu co agarimo que caracteriza aos seguidores branquiazuis.