Sete pelis dos 80 para unha corentena

26 de Marzo de 2020

Nesta situación extraordinaria que nos tocou vivir, a cultura e o entretemento son medicinas que nos axudan a soportar o confinamento da mellor maneira posible.

É o momento de recuperar o mellor cinema, o que queda gravado na nosa memoria, o que nos emociona, o que fai que incorporemos personaxes ao noso imaxinario colectivo, o que estamos desexando compartir cos nosos fillos, … E se hai unha década de ouro, que marcou a toda unha xeración, son os 80. Porque, quen non quixo montar no  Delorian, emular a Indiana Jones ou temido aos  Gremlins? O ensaio  The Time  of  my  Life, de  Hadley Freeman ( Blackie  Books), recolle moitas destas películas e relata como “o cinema dos oitenta ensinounos a ser máis valentes, máis feministas e máis humanos”. Aquí vai unha selección de pelis para pasar a corentena; ti elixes se queres facer un maratón ou ir dosificándoas aos poucos.

  • A princesa prometida (1987). “Ola, chámome Íñigo Montoya. Ti mataches o meu pai. Prepárache a morrer”. Se queres ver unha auténtica peli de aventuras, con duelos, humor, fantasía, bos, malos, príncipes e princesas; unha delicia para grandes e pequenos, esta é a túa película.
  • Regreso ao futuro (1985). Outro filme icónico dos 80, con dous protagonistas dos que permanecen na nosa memoria: Marty McFly e Doc, e un orixinal e enxeñoso guion que nos fixo preguntarnos que ocorrería se puidésemos viaxar no tempo?
  • Indiana Jones. En busca do Arca Perdida (1981). A primeira da franquía do arqueólogo aventureiro é unha divertida cinta chea de acción e aventuras, e cun Harrison Ford en estado de graza. Que mais se pode pedir para pasar a tarde?
  • Gremlins (1984). Tan divertidos como terroríficos, cos Gremmlins aprendemos a importancia de seguir as regras. Lembrades? Non expoñelos á luz do sol, non mollalos e, ante todo, nunca xamais darlles para comer despois da medianoite.
  • Cazapantasmas (1984). Unha divertida comedia fantástica que nos ensinou que as pantasmas non dan medo e que cazalos pode ser molón. Cuns actorazos como Bill Murray, Dan Aykroyd, Harold Ramis, Ernie Hudson, Sigourney Weaver e Ricks  Moranis, “ Who you gonna call?”
  • Dirty Dancing (1987). Todos quixemos bailar como Baby e Johnny. Atracción, desexo, celos, orgullo… A historia de amor da apocada moza de familia ben e o sexy profesor de baile ten iso e uns incribles números musicais que xa son un clásico xunto cunha das bandas sonoras máis vendidas da historia.
  • Blade Runner (1982). “Vin cousas que non creriades”.  Visualmente espectacular e poderosamente poética, a película de ciencia ficción de Ridley Scott contén algunhas das escenas máis icónicas da historia do cinema. Un clásico que non pode faltar na pantalla do teu salón.

E é que xa o di  The Time  of  my  Life: “Non sabiamos que as películas que nos cambiaron a vida estaban a prepararnos para as loitas de hoxe”.