Nuevo espacio expositivo de Julia Ares en Marineda City

Cando a dor se converte en arte

26 de Febreiro de 2020

Julia Ares expón en Marineda City (planta 1) unha selección de obras do seu proxecto Vitrificatum. Son xoias e esculturas personalizadas nas que conservar as cinzas dun ser querido para así poder recordalo tamén a través da arte. Grazas a esta innovadora e orixinal técnica, que foi patentada pola artista, é posible reflectir a personalidade e a traxectoria vital dun ser querido que faleceu, xa sexa un familiar ou unha mascota, nunha peza artística única e perdurable no tempo.

Julia Ares é experta en técnicas de lume, como son o esmalte sobre metal, o vidro fusionado, o vidro termoformado… Con máis de 30 anos desenvolvendo a súa actividade non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional e internacional, recibiu numerosos premios e mencións, entre os que cabe destacar o galardón obtido na Bienal Internacional do Esmalte de Limoges (Francia), o Premio Bienal de Salau, o Premio CEARA da Asociación de Artistas de Bos Aires (Arxentina) e os premios en todas as categorías (Chairman award, Award for artistic Word e o Premio especial do xurado) do Royal Museum of Ueno (Tokio, Xapón).

A artista realiza obra de gran formato, obra pequena e personalizada para empresas e institucións e a súa obra máis coñecida, pola súa extensión, son os 1.300 esmaltes integrados nos farois do Paseo Marítimo da Coruña. Así mesmo, máis de 200 exposicións avalan a traxectoria de Julia Ares como artista multidisciplinar en países como Xapón, Francia, EE. UU., Hungría, Arxentina, Rusia, Países Bálticos, Lituania e Letonia e cidades como Madrid, Barcelona e Tarragona.

Esta colaboración con Julia Ares é un paso máis de Marineda City na súa vocación de converterse tamén nun espazo divulgativo, poñendo o foco na arte e o talento local.