Premio a tres novas olladas á Marineda de Emilia Pardo Bazán

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán volveu vestirse de gala na celebración do 167 aniversario da escritora, nada o 16 de setembro de 1851, nun serán de hoxenaxe patrocinado por Marineda City que trouxo de novo ao século XXI o espírito dos encontros literarios que a propia Emilia Pardo Bazán organizaba no seu fogar.

E é que, segundo explicou a xerente de Marineda City, Ana López, o centro comercial ten un vínculo especial coa escritora, a través do nome literario que esta lle deu á cidade da Coruña. “Por iso continuamos mantendo e fortalecendo a nosa colaboración coa Casa-Museo para difundirmos a figura e a obra da autora de La Tribuna, que hoxe se materializa nesta segunda velada-homenaxe e no I Concurso Iconografías sobre Marineda, que patrocinamos”, destacou. “Esta colaboración é, sen dúbida, un paso máis na reafirmación do centro comercial como impulsor da vida cultural da Comunidade e reforza o noso afán por que Marineda sexa partícipe e actor relevante da súa contorna inmediata tanto no ámbito económico como no social e cultural”.

A velada foi conducida polas actrices de Inversa Teatro no seu papel de mulleres ilustradas do século XVIII e servíronse os petiscos elaborados polo chef Javier Rodríguez Ponte Taky inspirados no receitario de Emilia Pardo Bazán.

Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, e Ana López entregaron os premios do I Concurso Iconografías sobre Marineda na modalidade relato breve en galego e castelán, mentres que a académica Margarita Ledo fixo entrega do de fotografía. As obras gañadoras foron galardoadas con mil euros cada unha e recompiladas nunha edición especial entregada aos asistentes. Na modalidade de relato breve en galego a gañadora foi Eva Castro por “Eu non son de ninguén” e Andrés López Docampo por “El faro del fin de mundo”. Na modalidade de fotografía, a obra escollida por “Ondas do Mar do Orzán”, de Luis Vázquez Álvarez.